Ramón Mª Aller

 

Naceu no pazo de Filgueiroa (Lalín) o 3 de Febreiro de 1878, na casa solariega da liñaxe dos Ulloa. Estuda bacharelato no colexio dos Xesuítas da Guarda, ingresando posteriormente no Seminario de Lugo, onde ao vinte anos de idade, antes de ser subdiácono, alcanzara a licenciatura e o doutoramento en Sacra Teoloxía. Licénciase en Ciencias Exactas pola Universidade de Madrid en 1904, obtendo o grao de Doutor na devandita Universidade no ano 1943.
 
No ano 1911 constrúe o seu primeiro Observatorio en Lalín, que é o primeiro astronómico de Galicia. No ano 1912 trasládase a Castro Urdiales, ao Observatorio de Ocharán ao que seguiría frecuentando até o ano 1917. En 1918 publica o libro de matemáticas ALGORITMIA.
En 1925 adquire un ecuatorial de 12 cms. de abertura marca Steinhell dotado dalgunhas modificacións propostas por el e consideradas de gran importancia pola casa construtora. Ao dispor deste novo instrumento amplía as súas investigacións coa introdución ao estudo das estrelas dobres. A gran meticulosidade con que efectuaba as súas observacións ábrelle as portas ás grandes revistas especializadas naquel tempo, co que consegue renome universal, dándolle o astrónomo inglés Percy Wilkins o nome de Aller a un cráter da Lúa. As súas observacións son de Astronomía de posición, observación de Planetas, Cometas, Estrelas dobres, etc.
No ano 1943 publica tamén a primeira edición de INTRODUCIÓN Á ASTRONOMÍA, que rapidamente se esgota. No ano 1948 publica ASTRONOMIA A primeira ollada. No ano 1949 noméano Catedrático extraordinario da Universidade.
No ano 1957 publícase a segunda edición de INTRODUCIÓN Á ASTRONOMÍA.
O 4 de setembro de 1960 réndeselle unha popular homenaxe no seu pobo natal, nomeándolle fillo predilecto e concédeselle a Gran Cruz de Alfonxo X O Sabio, noméaselle Cóengo Honorario de S.M.I.C. e Fillo adoptivo de Santiago con Medalla de Ouro.
No ano 1964 vese obrigado a retirarse a Lalín xa gravemente enfermo onde falece o 28 de marzo de 1966. A súa obra científica reflíctese no cinco teses doutorais que dirixe, e nas publicacións recollidas en Revista da Sociedade de España e América, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, as Ciencias, Publicacións do Observatorio de Santiago, Revista de Geofísica, Urania, Astromische Nachrichten, L`Astronomie.
 
Foi membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, numerario da Real Academia Galega, vogal da Delegación de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas, conselleiro de Honra do Consello Superior de Investigacións Científicas, membro da Sección de Estrelas dobres da Unión Astronómica Internacional, membro da Comisión Nacional de Astronomía, membro da Sociedade de Astronomía de España e América, da Sociedade Matemática Española, da Sociedade Astronómica de Francia e da Sociedade Belga de Astronomía e Ciencias Afíns. Foi director do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago até a súa morte.