Marqués de Sargadelos

 

Ibáñez chegou a Galicia no ano 1767 e inicia os seus negocios en 1770. Prodúcese unha reactivación económica en Galicia na que se crean mercados que é necesario cubrir; hai unha demanda suficientemente estabilizada que reclama a imaxinación e o entusiasmo dun gran empresario. Ibáñez nace o 17 de outubro de 1749 en Ferreirelas (Oscos, Asturias). O seu pai era escribano, de orixe fidalga, pero con moi poucos recursos.

 

En 1774 casa con Josefa de Prada. Nese mesmo ano é elixido deputado do común, cargo do Concello cuxa misión principal consistía en defender os intereses do pobo. Anos máis tarde é designado para os cargos de comisario de Mariña (1794), oficial graduado de Artillaría (1798) e, por último, inspector xeral do corpo de Artillaría. Durante o ano 1808 -pouco antes recibira a gran Cruz de Carlos III-, e a partir da Guerra da Independencia forma parte da Xunta de Ribadeo. Nese mesmo ano Carlos IV concedeulle os títulos de marqués de Sargadelos e conde de Orbaiceta.

 

A súa morte é unha das páxinas máis escuras da historia de Galicia: foi asasinado. Ibáñez, capaz de consolidar as empresas máis arriscadas, foi incapaz de consolidar os afectos dos seus veciños.