ESO

 A EDUCACION SECUNDARIA OBRIGATORIA


                           É esta unha etapa obrigatoria que comprende catro cursos académicos, entre os 12 e os 16 anos, e proporciona a formación necesaria para proseguir estudos tanto de Bacharelato coma de Formación Profesional de grao medio. Unha vez obtido o título de graduado en educación secundaria poderase, tamén, acceder ao mercado de traballo.
O alumnado comeza esta etapa aos doce anos e finalízaa aos dezaseis ampliando así a educación obrigatoria co fin de adecuala á idade laboral inicial de calquera cidadán español e equiparar o Sistema Educativo español cos dos países da Unión Europea. Neste periodo préstase especial atención á titoría persoal do alumnado, así como á súa orientación educativa, psicopedagóxica e profesional.

A ESO contribúe a desenvolver no alumnado, entre outras, as seguintes capacidades:
 
·         Coñecer, asumir responsablemente os seus deberes e exercer os seus dereitos no respecto aos demais, practicar a tolerancia, a cooperación e a solidariedade entre as persoas e grupos, exercitarse no diálogo, afianzando os dereitos humanos como valores comúns dunha sociedade plural, aberta e democrática, e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática.
·         Adquirir, desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo como condición necesaria para unha realización eficaz dos procesos da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.
·         Fomentar actitudes que favorezan a convivencia nos ámbitos escolar, familiar e social.
·         Valorar e respectar, como un principio esencial democrático, a igualdade de dereitos e oportunidades de todas as persoas, con independencia do seu sexo, e rexeitar os estereotipos e calquera discriminación.
 
O traballo diario como fórmula de éxito

Partindo do P.A.T. (Plan de Acción Titorial) xunto co Equipo de Orientación faise un constante seguimento da evolución persoal e académica de cada alumno, intensificándose a acción titorial individualizada, tanto cara aos alumnos, coma cara ás súas familias.
Para iso desenvolvemos:
 
·         Titorías individualizadas (diálogo constante alumno-titor) e do grupo.
·         Atención aos recén chegados.
·         Desdobres de clases en materias instrumentais.
·         Apoios e reforzos personalizados.
·         Saídas pedagóxicas e culturais.
·         Control de asistenza diario e información inmediata á familia.
·         Implicación e colaboración dos alumnos nas actividades do centro (axuda cos máis pequenos en festas e actividades escolares)
 
Para favorecer a aprendizaxe, o manexo das TIC nas aulas, tanto polos profesores coma polos alumnos, é un obxectivo prioritario. Os cambios sociais e tecnolóxicos obrigan a que as ensinanzas se axusten a estes e potencien entre o alumnado a aplicación pedagóxica destas ferramentas. Dende os distintos Departamentos, ao longo da formación dos alumnos potencianse actividades relacionadas coas TIC´s (presentación, manexo de libros dixitais, utilización do canón, as encerados dixitais, etc.) que fomentan o uso das novas tecnoloxías como parte do proceso de aprendizaxe.

Por outra parte, as TIC´s son unha ferramenta usual para o traslado de información aos alumnos e as familias a través da Intranet do colexio.